top of page

Eduardo Pondal

Xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez, está considerado como un dos referentes do rexurdimento da literatura galega do século XIX. 

O Bardo de Bergantiños

Eduardo Pondal Abente, o bardo bergantiñán, naceu na Ponteceso, á beira do río Anllóns, no día 6 de febreiro de 1835. Como membro dunha familia da pequena nobreza rural, o futuro poeta irá estudar a unha reitoral, como adoitaban facer os rapaces que no futuro querían seguir estudos eclesiásticos ou universitarios. Así, en Vilela de Nemiña, baixo a dirección de Cristóbal de Lago González, cura párroco de Touriñán, Eduardo estivo até 1848, ano en que se despraza a Santiago para iniciar os estudos de Bacharelato. En setembro dese ano solicita a admisión no primeiro curso de “segunda enseñanza”, e obtén o grao de Bacharel en Filosofía en xuño de 1854. Rematados estes estudos, matricúlase na Facultade de Medicina en 1854, onde consegue título de Licenciado en xuño de 1860, coa cualificación de “Sobresaliente”. Cando Eduardo Pondal chegou a Compostela estaba en andamento o rexurdir político-cultural galego, coas primeiras publicacións periódicas defensoras dos intereses de Galiza, as primeiras agrupacións (Academia Literaria, Liceo de la Juventud, etc.) e mais os primeiros movementos reivindicativos que cristalizaran no levantamento de 1846. É a época tamén en que comezan a escribir en galego Añón, os Camino, Turnes, Valladares, etc., e protagonizan a vida universitaria ou cultural Antolín Faraldo, Neira de Mosquera, Romero Ortiz, Murguía, Rosalía, Aguirre... Ese é o ambiente en que Eduardo Pondal participa e completa a súa formación humanística, que incluía tamén a lingua grega, de modo que podía ler os clásicos greco-latinos na súa lingua orixinal, para alén do dominio doutras linguas como o portugués, italiano, francés e inglés. Acabados os estudos de Medicina, Pondal só exercerá a súa profesión durante uns meses en Ferrol como médico da Armada e, após ter aprobada a correspondente oposición, unhas semanas de 1863 como médico na fábrica de armas de Trubia (Asturias), posto de traballo que abandona definitivamente para se consagrar á produción poética e á construción da súa imaxe como bardo do pobo galego.

Nos anos de mocidade compostelá é cando Pondal se inicia como poeta. A primeira composición datada con seguridade vai ser o Brinde pronunciado no día 2 de marzo de 1856 no Banquete de Conxo, onde comparte o protagonismo coas principais figuras do ambiente universitario do momento, Aurelio Aguirre e Luís Rodríguez Seoane, que pronunciaron tamén senllos brindes poéticos. Será o inicio dunha publicación constante de poemas, inicialmente con predominio do castelán, embora xa en 1857 dea a lume 13 oitavas d’Os Eoas e en 1858 edite a primeira versión do poema A campana d’Anllóns no xornal El País, de Pontevedra. Nesta etapa inicial do escritor, coa cidade de Santiago de Compostela como referencia, aínda que as visitas máis ou menos prolongadas na Ponteceso sexan constantes (con estadías en vilas próximas, como Corcubión, Laxe ou Carballo), sen rebaixar as súas frecuentes colaboracións con poemas na prensa e revistas, Pondal vai editar sucesivamente opúsculos diversos, convivindo galego e castelán e alternando lírica e épica (mesmo con algunha incursión na narrativa): Fátima. Leyenda (Coruña, Imprenta de Castor Míguez, 1862); A América Descuberta. Canto V. Fragmento (s.l., [1864]); Juan Pérez. La humanidad tal cual fué, es y será, ó Los hombres por dentro (Coruña, Tipografía Galaica, de los Sres. Brañas y F. y Miranda 1866 [novela]); A Campana d'Anllons. El canto de un brigante (Coruña, Imprenta de D. Eusebio Cascante, 1866); A Fada dos Montes. Poesía (Santiago, Tip. de Manuel Mirás y Alvarez, 1872); Rumores de los Pinos. Poesías (Santiago, Tipografía de M. Mirás y Alvarez, 1877); Gandreiras (Coruña, Imprenta de La Voz de Galicia, 1884).

Pondal renuncia, pois, á súa profesión de médico e inicia un proceso de transformación en poeta “profesional” cada vez máis galeguizado. En Santiago desenvolve unha importante actividade pública, e era, xa daquela, un escritor recoñecido, cunha proxección pública que comezara co Banquete de Conxo e que continuaba coa súa presenza en múltiplos medios que publicaban as súas composicións. Asemade, vaise producindo unha reconversión desde o castelán inicial ao galego, proceso que se acelera a partir de 1863 (por mor da publicación dos Cantares Gallegos rosalianos) e culminado en 1885, ano da morte de Rosalía. Neste ano, decide marchar de Santiago e estabelécese na Coruña, talvez para o proceso de corrección das probas de imprenta do poema épico Os Eoas, que xa en 1880 considerara obra concluída. E no ano seguinte, en 1886, sae do prelo a súa grande obra lírica, Queixumes dos pinos, na Biblioteca Gallega de Fernández Latorre e Martínez Salazar, un organizado poemario que integra toda a produción lírica anterior xunto cunha maioría de produción inédita. Queixumes dos pinos vai supor a consagración definitiva do Eduardo Pondal poeta, nunha altura en que xa tiña de ser consciente de que os tan anunciados Eoas non ían ser unha empresa fácil. Por outra parte, a aparición da súa grande obra lírica implica un punto de inflexión lingüística, pois consolida unha progresiva traxectoria de unilinguismo perseverante e consciente, comportamento que contrasta grandemente coa práctica habitual dos escritores oitocentistas. Queixumes dos pinos tivo unha importante recepción, e o seu (case) unánime recoñecemento é ben importante por se tratar dunha obra que se afasta da tradición lírica galega dominante ao levar implícita unha meditada ideoloxía político-poética. O propio Pondal confirma e promove a interpretación máis “polític” da súa obra, ao indicar explicitamente nunha nota manuscrita, que este poemario é un símbolo que revela un propósito latente, o rexurdimento e a redención de Galiza, para alén dunha queixa, dunha protesta e dunha rebelión contra o despotismo castelán por querer borrar a lingua, os costumes e a alma galega.

Consolidado definitivamente como un dos grandes poetas do Rexurdimento, após a morte de Rosalía en 1885, con Curros fóra de Galiza, Eduardo Pondal exerce, convertido en poeta nacional, como o bardo da patria irredenta. É así, pois, que Pascual Veiga lle encarga o texto para o himno galego, que vai ser elaborado e publicado no prospecto do certame musical internacional organizado en 1890 polo músico mindoniense na Coruña. Nesta cidade, convertida agora nun punto de referencia vital para o poeta –feito que non impedía frecuentes estadías nos eidos nativos–, vai reproducir a súa vida santiaguesa, con participación en diferentes institucións, especialmente na Cova Céltica, o faladoiro organizado na trastenda da libraría de Carré Aldao, onde Murguía exercía como patriarca e Pondal como bardo. Outrosí, continúa coas colaboracións poéticas en diversos medios, especialmente na Revista Gallega, dirixida por Galo Salinas. Coa libraría de Carré están tamén relacionados os dous únicos opúsculos que Pondal publicará no período pos-Queixumes, en 1895: o poema autobiográfico O dólmen de Dombatee mais A Campana d'Anllons, unha outra versión moi ampliada (416 versos) da célebre composición publicada inicialmente en 1858. Cando se constitúe a Academia Galega, presidida por Murguía, Pondal foi nomeado numerario, se ben nunca participou nas súas sesións. Porén, o poeta sentiuse moi satisfeito tanto polo seu nomeamento como polo nacemento dunha institución que el supuña con vontade patriótica: “Dios inspire a nuestra naciente academia; pues mucho, mucho tiene que hacer, para que esos castellanitos no digan que no somos todo un pueblo poético y literario antes que ellos lo fuesen”. Ao mesmo tempo, neste período intersecular, o poeta continúa a redactar, reelaborar e corrixir sen cesar o poema épico Os Eoas, obra “definitiva” á que se alude, tópica e ritualmente, cada vez que na prensa da época se falaba de Eduardo Pondal. E así se explicita na entrevista que en 1912 lle realiza La Voz de Galicia, onde tamén se confirma que ten xa preparada unha nova triloxía lírica titulada Dos Eidos, Dos Servos, Do Íntimo, obra que non chegou a ver a luz en vida do bardo. O devalo vital do poeta era manifesto xa na primeira década do século XX, non obstante ter escrito en 1903 unha peza teatral como resposta ao chamamento da Escola Rexional de Declamación. Non conseguía publicar a antecitada triloxía lírica preparada desde había tempo, Os Eoas ficaban diluídos nos millares de papeletas autógrafas que revelaban as dificultades creativas en torno a unha obra tinxida de anacronismo, e agravábase a súa saúde física (especialmente os problemas de vista) e mental. No entanto, entre 1913 e 1914 Eduardo Pondal aínda foi quen de formular unha proposta coherente para o poema Os Eoas, testemuñada pola copia mecanografada, con correccións autógrafas, que, a pesar da posibilidade de ser publicada na Editorial Ribadeneyra de Madrid, ficou entre a súa obra manuscrita, legada testamentariamente á Academia Galega. Paralelamente ao proceso de deterioración física, consúmase a quebra dos derradeiros lazos que o ligaban á realidade: convencido de que os seus amigos o atraizoaran (nomeadamente Martínez Salazar e Carré Aldao, os custodios da súa obra inédita), a paranoia final lévao a compor poemas sobre o roubo dos manuscritos e a suplantación do seu nome, ao tempo que ditaba obsesivamente fragmentos d’Os Eoas e de poemas de mocidade, material conservado nun caderno datado en 1916, significativamente titulado Postrimerías de Pondal. Sustraídas e subtitulado Nuevos Cantos. Sustraídas.

Ás 12:30 do día 8 de marzo de 1917, Eduardo Pondal morreu na súa derradeira hospedaxe coruñesa, o hotel «La Luguesa», na rúa Juana de Vega. O seu enterro constituíu unha mostra de respecto institucional e de fervor popular. Así desaparecía o último gran poeta do Rexurdimento, recoñecido polas nacentes Irmandades, que, coa presenza da bandeira galega, no acto final do seu enterramento cantaron o himno, a modo de inicio dunha nova etapa no longo proceso de redención nacional a que Eduardo Pondal dedicou a súa vida e a súa obra.No ano 1857, seguindo os parámetros literarios do poeta portugués Luis Vaz de Camões, apareceron os primeiros versos de Os Eoas e, ao ano seguinte, viu a luz a primeira versión de La Campana d'Anllóns, publicada na edición do 14 de febreiro no xornal pontevedrés El País. Rematou a carreira en 1860 e, un ano despois, opositou ao corpo de Sanidade Militar en Madrid. Pero pronto comezou o seu desinterese pola carreira que escollera. En 1864, ao pouco de conseguir un posto na fábrica militar de Trubia (Asturias), deixou a praza e abandonou definitivamente a profesión médica. O 2 de xullo de 1861 celebráronse na Coruña os primeiros Xogos Florais de Galicia, aos que Pondal concorreu co texto "A campana d'Anllóns", o seu primeiro poema en galego, que se publicou ao ano seguinte no Álbum de la Caridad e no que aínda non se encontran pegadas do celtismo. A partir dese momento, Pondal retirouse á casa paterna, na que residiu con frecuentes visitas a Compostela e, especialmente, á Coruña, onde participou no faladoiro rexionalista da Cova Céltica, como era coñecido aquel encontro de intelectuais na Librería Regional de Carré Aldao. A través de Murguía accedeu ao libro Ossian, barde du IIIè siècle (1867), de James Macpherson, que o levou a afondar no seu convencemento sobre a influencia do mundo céltico en Galicia e, por extensión, na súa lingua. Neses anos publicou títulos como A fada dos montes, un folleto de 12 páxinas introducido por uns versos hendecasílabos de Ariosto, e Rumores de los pinos, nunha liña poética que lle daba á súa obra un eco importante na intelectualidade galega da época pola pureza da súa lingua e a potencia do seu estilo. Os vinte e un poemas en galego e castelán que conforman Rumores de los pinosservíronlle de base para a creación de Queixumes dos pinos, onde recupera as composicións en galego, incluíndo algúns dos poemas en castelán traducidos ao galego.

No ano 1888 decidiu marchar a Carballo, onde entrou en contacto coa música da man do compositor Pascual Veiga, quen lle solicitou a letra para unha melodía súa coa que participaría nun certame coruñés en que se ía seleccionar a mellor Marcha Regional Gallega. Pondal entregoulle "Os pinos", un poema xurdido das sucesivas reelaboracións de Rumores de los pinos. Se ben a adaptación dos versos de Pondal á música de Veiga se realizou nese tempo, a presentación en sociedade do himno non tivo lugar ata o 20 de decembro de 1907, nun acto organizado polo dinamizador Xosé Fontenla Leal no Gran Teatro do Centro Galego de La Habana. No ano 1894 Pondal instalouse na Coruña, onde frecuentou os círculos máis coñecidos da época, como a Sociedad Cooperativa Militar y Civil ou a Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos. En 1895 Uxío Carré editou O dolmen de Dombate e unha nova versión de La Campana d'Anllons. O relativo éxito das composicións pondalianas estendeuse máis aló das fronteiras de Galicia, non só polo resto de España, senón tamén por Portugal e Francia. Asemade, colaborou con artigos e poemas en diversas publicacións periódicas, en España e en América, como Eco de Galicia, Galicia Diplomática, Galicia Emigrante, La Ilustración Gallega y Asturiana e Revista Gallega. Durante a última etapa da súa vida sufriu constantes ataques depresivos e amosaba síntomas de neurose obsesiva. O seu carácter misantrópico e hipocondríaco derivou nunha crise, en 1903, que lle provocou un trastorno psíquico. Respecto á súa obra, aínda que é significativo o interese por parte dos seus coñecidos por publicar a versión definitiva de Os Eoas nese momento da súa vida, as continuas correccións ás que Pondal sometía o texto e o avance da súa enfermidade impediron que saíse á luz. Entre 1905 e 1908, consciente xa do seu débil estado mental, volveu novamente a Ponteceso. Viviu de forma intensa dous importantes acontecementos: a fundación da Real Academia Galega, na que non chegou a participar, aínda que foi membro numerario, e mais a morte de Curros Enríquez, no ano 1908, a quen lle dedicou algunha composición nas publicacións da época. A finais de 1908 decidiu volver á Coruña, onde recibiu, en 1910, a nova do seu nomeamento como académico honorario da Academia de Poesía Española de Madrid. No mediodía do 8 de marzo de 1917 morría na Coruña Eduardo Pondal, tal e como informaba a prensa galega da época que, ademais, ofrecía abondosos datos sobre o seu soterramento, ao que acudiron diversos políticos, como o propio alcalde da Coruña, e intelectuais, moitos deles pertencentes á Real Academia Galega e a outras institucións relevantes da cidade.

Pondal, A poesía ao servicio da nación.

Manuel Ferreiro.

Obras_

A fada dos montes.

Compostela, 1872.

Tip. Manuel Mirás e Álvarez.

Rumores de los pinos.

Compostela, 1877.

Tip. Manuel Mirás e Alvarez.

A campana d’Anllóns.

A Coruña, 1895.

Imp. Carré Aldao.

O Dolmen de Dombate.

A Coruña, 1895.

Imp. Carré Aldao.

Queixumes dos pinos.

A Coruña, 1886.

Latorre y Martínez.

Versos iñorados ou esquecidos

de Eduardo Pondal.

Vigo: Galaxia, 1961.

Ricardo Carballo Calero.

Novos poemas.

Vigo: Galaxia, 1971.

Amado Ricón Viruleg.

Os Eoas.

A Coruña, 1992.

Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Amado Ricón Viruleg.

bottom of page